Redacción (Agareso).- Os españois reciclaron o 65,1 por cento dos envases lixeiros (plástico, latas e cartóns) e de cartón e papel en 2009, un 10 por cento máis do que dita a directiva da Unión Europea (UE), segundo o informe anual de Ecoembalajes de España (Ecoembes).
En total, o sistema integrado de xestión (SIG) de Ecoembes reciclou 1,23 millóns de toneladas de envases; outras 94.708 toneladas de envases foron valorizadas para o seu aproveitamento enerxético, polo que se recuperaron e se evitou que rematasen no recolledor de lixo 1,23 millóns de toneladas; é dicir, o 70,1 por cento dos envases adheridos ao SIG.
Segundo explicou o director xeral saínte de Ecoembes, Melchor Ordóñez, por materiais reciclouse o 41,9 por cento dos envases de plástico (306.941 toneladas); o 84,2 por cento dos envases de cartón e papel (675.661 toneladas) e o 71,3 por cento de metais (244.185 toneladas).
Estas taxas están, en conxunto, un 10 por cento por enriba do que os obxectivos da Lei de Envases e da Directiva Comunitaria, que esixen o 60 por cento de recuperación do papel; o 22,5 por cento dos plásticos e o 50 por cento de metais como o aluminio.
Por outro lado, precisou que dende que Ecoembes iniciou a súa andaina en 1998, se reciclaron máis de 9 millóns de toneladas de envases, un volume que supuxo un aforro de 8,7 millóns de toneladas equivalentes de C02; 10.000 megawatios hora (consumo anual de 1 millón de habitantes), e 214 millóns de metros cúbicos de auga (consumo anual de 4,5 millóns de persoas).
"Cumprimos os obxectivos que nos impuxeramos e hoxe en España ten acceso a colectores amarelos e azuis 46 millóns de persoas. Practicamente todo o territorio", subliñou Melchor Ordóñez, ao tempo que precisou que 45,3 millóns teñen acceso a colector azul e case 45 millóns de españois a colector amarelo.
Nese sentido, eloxiou a evolución dos colectores, xa que en 1998 cubrían unha poboación de 2 millóns de persoas e hoxe chegan ao 98 por cento da poboación. En total, nas rúas españolas hai 420.000 colectores, dos que 280.000 son amarelos e 140.000 son azuis, nos que cada habitante deposita unha media de 34 quilogramos ao ano. "Estamos dentro do grupo de cabeza dos países do noso ámbito. Debemos sentirnos orgullosos", apostilou. Por tipo de envases, o sector de envases máis representativo é o da alimentación, que xera o 36 por cento dos ingresos a Ecoembes, seguido do de bebidas, un 38 por cento. Dentro do sector das bebidas destacan as refrescantes, seguidas pola auga.
Ordóñez valorou o "esforzo" das 12.175 empresas adheridas ao sistema en 2009, ano, que cualificou de "espantoso" porque os gastos de Ecoembes aumentaron xa que os cidadáns depositaron máis envases nos colectores e esta cifra foi sufragada polas empresas adheridas, que debido á crise, colocaron menos envases no mercado.
Así mesmo, neste exercicio Ecoembes aumentou o prezo do punto verde para facer factible a viabilidade económica do recollida e reciclado e a sociedade perdeu 210 empresas adheridas. Ordóñez achacou esta caída, principalmente, á desaparición ou absorción dalgunhas empresas a consecuencia da crise, pero tamén porque "algunhas pasaron á clandestinidade", xa que non pagan a súa cantidade correspondente de punto verde ao SIG "aínda que seguen poñendo envases no mercado".
Non obstante, o presidente de Ecoembes, Marcos de Quinto, precisou que foron precisamente as empresas ás que máis lles afecta a suba de prezo do punto verde "as máis responsables e solidarias". En todo caso, as adheridas representan o 90 por cento dos envases postos no mercado.
A este respecto, Ordóñez engadiu que o custo da xestión dos residuos ascende a 2.000 millóns de euros, dos que Ecoembes achega uns 400, o 20 por cento aproximadamente.
Por outro lado, cualificou de "éxito" a xestión de Ecoembes e explicou que a eficiencia da empresa se basea na sostibilidade; no control aos establecementos adheridos sobre os datos que achegan para evitar a fraude e a verificación de pagamentos; a transparencia; os criterios de auto regulación; a mediación que desempeña nos procesos de desenvolvemento lexislativo, e o investimento en proxectos de I+D en novas tecnoloxías e investigación para adaptarse ás necesidades do SIG, que supoñen entre 1 e 1,5 millóns de euros anuais.
Finalmente, o novo director xeral Antoni García-Zarandieta, adiantou que Ecoembes se vai enfocar na redución dos custos para reducir a presión sobre os seus clientes co obxectivo de "cumprir cos condicionamentos ambientais co menor custo".