Redacción (Agareso).-O Servizo Galego de Saúde acaba de firmar un convenio coa Asociación de inmigrantes senegaleses de Ourense, representada polo seu presidente, Ibrahima Diouf, co obxecto de colaborar entre ambas institucións para a prestación de asistencia sanitaria aos 15 nenos e nenas menores senegaleses que acoden a Galicia por un período de vacacións de verán, a través dun programa de acollemento familiar supervisado polas autoridades autonómicas competentes e os servizos sociais municipais do Concello de Ourense. O programa desenvolverase do 7 de xullo ao 4 de setembro.
En consecuencia, o programa comprende, no marco deste convenio hoxe asinado, e respecto das continxencias protexidas, a enfermidade común e o accidente.
No que atinxe ás prestacións sanitarias, a colaboración establecida entre Pilar Farjas e Ibrahima Diouf, inclúe a Atención Primaria, a Atención Especializada, e as prestacións farmacéuticas.
Na Atención Primaria enmárcanse a atención sanitaria nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; e, ademais, programas de atención á infancia e as urxencias.
Na Atención Especializada están incluídas a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica e a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización.
Respecto da prestación farmacéutica, o convenio inclúe a dispensación prestada en réxime de internamento e a dispensación prescrita en réxime extrahospitalario.