MADRID, Alberto Quían/AGARESO.-
Madrid. Son as oito do serán e atopámonos no corazón financeiro do Estado español, no epicentro do terremoto económico que nos sacude. Pero esta parte da Castellana mantén o seu cotián ritmo frenético, a súa suntuosidade e a pose altiva que lle confiren os rañaceos, os seus inquilinos e os opulentos centros comerciais e vivendas de luxo. _25[1].jpg)
Aos pés dun dos rañaceos máis característicos do skyline madrileño, un mozo senegalés protexido contra a xeada con gorro de lana, luvas e abrigo, está a piques de rematar a súa singular xornada laboral. A crise asoma por el na paisaxe da cidade financeira. Chámase Desmond, ten 24 anos e a súa oficina é a rúa, onde traballa vendendo exemplares de A Farola –o xornal dos sen teito e sen emprego– e gardando as esmolas dalgúns transeúntes caritativos. O sorriso é a súa mellor arma de venta.
Desmond arribou na Península nun dos milleiros de caiucos que espetan nas costas do Estado español con demasiada frecuencia. Diso fai xa catro anos. Chapurrea algo de castelán, e cando lle explicamos que somos de Galicia –“no noroeste”, explicámoslle– , dinos que lle estamos a falar dun país do que non ten a máis mínima noción. A súa limitación co castelán lévanos a manter con Desmond a conversa en inglés, un idioma que manexa con soltura e cunha fluídez que xa quixeran para si alguns dos executivos que temos sobre nós, nesas oficinas cuxas luces vanse apagando coa noite.
Desmond dinos que non pagou pola infernal travesía en caiuco, e que viu por motivos que xa non nos son alleos: “Hai moita pobreza no meu país. Non hai cartos, non hai traballo, non hai recursos, non temos saída algunha salvo a de vir aquí”, coméntanos sen perder o seu sorriso.
Alí deixou tódala súa familia e amigos. Aquí atópase so, co único amparo da Cruz Vermella e Cáritas. E fai xa dous anos que non sabe nada dos seus nin estes del.
“Non teño recursos para pórme en contacto coa miña familia. Hai dous anos que non sei nada deles nin eles de min”, lamenta coa mirada perdida nalgunha lembranza.
“Aquí estou so, non teño a ninguén, non teño nada. Non teño traballo, non teño casa, non teño papeis…”, insiste no relato da súa crítica situación.
“Intentei conseguir traballo en moitos sitios, en cafeterías, na construción…, pero sen papeis é imposible. Así que recurrín a Cáritas. Eles conseguíronme este traballo [a venta de exemplares de A Farola] e déronme un lugar onde durmir cada noite, perto daquí, por Catro Camiños”, explica Desmond, xa apremiado pola hora de voltar ao seu fogar, se podemos chamar así a habitación que disfruta para el so no centro de Cáritas e na que afonda aínda máis a súa soidade.
Preguntámoslle polos demais compañeiros deste centro de acollida, de onde veñen, como é a relación entre eles… E sentímonos impactados pola súa tranquila resposta, coa que nos descobre que máis cousas están a fallar, que a integración é nula non só na sociedade española, senón tamén entre o propio colectivo de excluídos.
“Non sei… Eu teño a miña habitación para min so. Non sei… Non coñezo a ninguén”, respóstanos primeiro para logo explicarnos que o reloxo lle apremia, xa que ten como hora tope as 20.40 horas para voltar ao seu particular refuxo.
Frisa o remate dunha xornada de oito horas de traballo na rúa cuns resultados exiguos. “De catro a oito euros”, dinos, son os ingresos diarios que soe ter Desmond no centro financeiro español, onde as cifras que pasan por riba del son millonarias.
Desmond acláranos que de cada exemplar que vende de A Farola el recibe a metade do prezo pagado, que é de dous euros. Mais son as esmolas os seus principais ingresos. E, claro, a crise tamén chegou á caridade.
“A crise aféctanos a nós máis que a ninguén. Se xa recibiamos pouco, agora, coa crise, recibimos aínda menos da xente. Case ninguén compra os periódicos e as persoas que dan esmolas son cade vez menos. Moitos din cando pasan por min: ‘A crise, a crise…’ Se a crise é dura para eles, imaxinade para min…”, describe rindo. E a pesar da súa invisibilidade para a maioría dos transeúntes que pasan por el cada día, di que “os españois son amables e amigables”. “Nunca sentín racismo aquí”, apostila.
Con todo, Desmond é unha persoa positiva, que non perde a esperanza nin o sorriso, aínda que recoñece que empeza a sentir “certa desesperación”. Por elo, pensa permanecer en España e nin se lle pasa pola cabeza voltar ao seu país, onde, dinos, “non hai futuro”.
“As cousas aquí están moi mal para a xente coma min, moito máis coa crise. Pero penso quedar, aquí teño máis oportunidades que no meu país, e aínda que é difícil, non perdo a esperanza de ter algún día papeis para poder traballar”, coméntanos.
É a súa hora, as oito e media. Desmond quere irse. “Teño que marchar se non quero que me pechen a porta”, dinos con amabilidade, pero tamén con présa.
Despídese de nós agasallándonos, de novo, o seu sorriso, e cun desexo: “Ogallá esta entrevista sirva para axudarme”.
*Nota dos reporteiros: a entrevista ao cidadán senegalés Desmond foi realizada o pasado 30 de xaneiro. A idea primixenia era publicala nun archivo de audio, pero as tecnoloxías das que gozamos no mundo desenrolado xogáronnos unha mala pasada e o audio perdeuse. Así e todo, decidimos transcribir este encontro con Desmond para facer visible a través da súa experiencia os problemas que acucian a estes cidadáns sen teito e sen papeis que, por todo o Estado español, mantéñense erguidos ás portas dos centros comerciais, nos semáforos ou nas rúa máis populosas das cidades na procura dun puñado de euros cos que levar algo á boca e, sobre todo, de visibilidade social. O lugar e contexto no que se produciu a entrevista tamén os consideramos paradigmáticos e significativos. Desmond non foi fotografado para evitarlle males maiores vinculados á ilegalidade na que sobrevive.
REPORTAXES ANTERIORES
Autismo-Ourense: da utopía á realidade
Terra Santa, onde as flores están prohibidas
Cooperación de banda ancha no 60 aniversario dos dereitos humanos
Pequenos concellos de Ourense con inversions nos ‘Bancos de Tempo’
Mellorar a policía afgana para dar maior seguridade á poboación
A sociedade ourensana orfa dun ser excepcional
O laboratorio autobiográfico da liberdade
Contos para formar pequenos cooperantes
Obxectivo Kenia: nacer sen VIH
Cando Galicia toca o corazón do Sáhara
¿Está deshumanizada a Xustiza do século XXI?
Recios estereotipos distancian as mulleres africanas das europeas na filosofía de vida
Voluntarias galegas remiten unha epistola dixital con aires da outra beira do estreito
Os “piratas do mar” danlle a volta á lenda
Em vésperas do novo congreso mundial sobre VIH/Sida na Cidade de México
"La Mara 18": Cando os presos fanse co control da prisión
A Asociación Juan XXIII: "Viaxe ata o medio século de compromiso no planeta da integración
O envés do top manta, segundo Cunqueiro