AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios)



As ONGs galegas reflexionan sobre a necesidade de aplicar pautas ecoloxistas nos seus proxectos internacionais

 

OURENSE/E.López/AGARESO.- Algunhas ONGs galegas reflexionaron, convidadas por Amigos dá Terra, sobre a necesidade de aplicar pautas ecoloxistas nos seus proxectos internacionais unha vez que se detectou que, en moitos casos, estes parámetros son inexistentes ou só aparecen subliñados de forma colateral ou anecdótica.

Este intercambio de información entre as asociacións que apoian ao medioambiente e as ONGs produciuse durante un seminario celebrado en As Corcerizas (Ourense) nos últimos días. nn

Sorprendentemente, segundo argumentaron os colectivos ecoloxistas, en moitos casos non se ten en conta os parámetros que afectan ao medioambiente e iso pode deberse a que esta cuestión se infravalora ou simplemente non se contempla como unha cuestión de relevancia para o desenvolvemento do proxecto.

Aínda que as ONGs entonaron o “mea culpa” nesta cuestión e insistiron no feito de que se evoluciona día a día e se vai aprendendo de todo, o certo é que aínda queda moito por facer neste senso entre o tecido solidario galego.

De feito, as asociacións ecoloxistas deixaron claro que é hora xa de que se tome o respecto polo medioambiente como algo “integral” e non “transversal” en cada proxecto, xa que, fágase o que se faga, afectarase dalgunha maneira a “todo o que nos rodea” e xa que logo é importante contemplar esta cuestión.

Un exemplo diso o expuxo a ONG Enxeñeiros sen Fronteiras, que deixou claro que nalgúns casos tiveron que intervir en países do Sur para solventar o que outras asociacións danaron “sen querer” ao non pensar en como se vai afectar ao medio ambiente. “Tivemos que intervir, por exemplo, para solventar o problema creado por unha ONG que executou unha minipresa para garantir auga a unha poboación e que non tivo en conta que esta intervención deixaba o curso do río sen auga na súa zona máis baixa causando así problemas medioambientais e sociais a outras poboacións”.

Neste senso, un exemplo da falta de interese por este ámbito, que se puido contemplar historicamente nas asociacións solidarias, ven demostrado polo feito de que a Coordinadora Galega de ONGs non conta, na actualidade, cunha comisión dedicada ao medio ambiente aínda que sí a outros moitos aspectos.

Os ecoloxistas lles expuxeron ós responsables das organizacións non gobernamentais galegas que participaron neste curso a necesidade de que, en cada proxecto que se realice, se tome en conta o impacto medioambiental.

Dende Adega puxeron un exemplo moi evidente. “Nós tivemos un gran debate interno sobre a cuestión de Ence. Nos expoñiamos se apoiar o seu traslado a outro recuncho de Galicia fóra da ría de Pontevedra ou esixir o seu peche na nosa comunidade autónoma. E démonos conta, finalmente, que non podiamos rexeitar en Galicia unha papeleira para que se monte noutro país do Sur. Non podemos trasladar a outro lugar o problema que temos aquí danando ós de alá. Iso non sería xusto.  Cremos que o que temos que facer é incidir na decisión da empresa para que, ó crear un novo complexo industrial o faga co menor impacto posible ou que traballe co reciclado de papel…”.

Lembraron os ecoloxistas que o medio ambiente non é algo “que a maiores debe incluirse nun proxecto, senón que dende o principio debe ser un elemento máis do traballo en si”.

Para moitos foi unha sorpresa descubrir que as ONGs non tomaban en conta os parámetros medioambientais a pesar de que dende hai tres anos é obrigatorio que se inclúan parámetros medioambientais e de sostenibilidade en calquera formulación de proxecto destinado á cooperación, tal e como marca a Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento.

Os ecoloxistas galegos decidiron pasar á acción e cambiar esta situación. Un bo paso adiante para que as cousas vaian a mellor e para que non só se traballe en pro da situación dun pobo ou un grupo humano senón tamén de todo o que lle rodea, e polo tanto, da súa propia calidade de vida.




 

 

REPORTAXES ANTERIORES

Saúde pública ameazada pola falta de colaboración institucional en Guinea Bissau

Aldán, un porto para a esperanza

‘Leo resiste’

Seguinte parada…. Angola

Loita contra os inimigos da saúde física e mental

Bombeiros galegos solidarios co Perú

Do caiuco ao epicentro do terremoto financeiro

Autismo-Ourense: da utopía á realidade

¿E que pasa co 40%?

Terra Santa, onde as flores están prohibidas

Cooperación de banda ancha no 60 aniversario dos dereitos humanos

Pequenos concellos de Ourense con inversions nos ‘Bancos de Tempo’

O teu carón

Mellorar a policía afgana para dar maior seguridade á poboación

A sociedade ourensana orfa dun ser excepcional

O laboratorio autobiográfico da liberdade

Contos para formar pequenos cooperantes

Laila

Obxectivo Kenia: nacer sen VIH

Cando Galicia toca o corazón do Sáhara

¿Está deshumanizada a Xustiza do século XXI?

Recios estereotipos distancian as mulleres africanas das europeas na filosofía de vida

Voluntarias galegas remiten unha epistola dixital con aires da outra beira do estreito

Os “piratas do mar” danlle a volta á lenda

15 minutos de liberdade

A historia da pequena Fátima

Caritel perde a inocencia

Em vésperas do novo congreso mundial sobre VIH/Sida na Cidade de México

"La Mara 18": Cando os presos fanse co control da prisión

A Asociación Juan XXIII: "Viaxe ata o medio século de compromiso no planeta da integración

O envés do top manta, segundo Cunqueiro

Nós, os infectados: VIH, Virus da Intolerancia Humana

Piso, papeis, traballo... A inmigración en Compostela


Volver arriba

Contacto | Aviso legal | Mapa do sitio |